lunes, 15 de marzo de 2010

Unha homenaxe




O pasado venres despedimos a Miguel Delibes e con el perdemos a un dos grandes narradores do noso tempo.
Este vallisoletán foi o escritor que mellor representou a sinxeleza do mundo rural, as súas xentes e costumes. Nun mundo como o noso, onde a voráxine nos absorbe, el sempre quixo vivir no medio da natureza, afastado do mundanal ruido, para reflexionar e deleitarnos cos froitos nacidos da súa pluma, recreando dalgún xeito o beatus ille, aquel tópico horaciano tan renacentista.


Aínda que comezou traballando como periodista, deseguida se decantou polo oficio literario, que tantos éxitos lle deu. Estreouse na literatura gañando o premio Nadal con La sombra del ciprés es alargada, novela que tivo unha adaptación cinematográfica, coma tantas outras que xermolaron da súa man. Non foi o único premio acadado, posto que tamén foi galardoado con outros tan importantes como o premio Príncipe de Asturias das Letras e o premio Cervantes. Foi nesta ocasión cando se despediu como escritor nun emocionante discurso no que deu a entender que prefería deixalo antes ca escribir unha mala obra. Así o fixo, posto que tras El hereje non saíu á luz ningunha outra novela de Delibes.


É verdade que perdemos un grande escritor, pero só fisicamente, porque todos sabemos que o seu espírito perdurará na súa obra, en todos os seus personaxes, que son, que recrean algo del, como os fillos que posúen sempre a semente dos pais.
Agora os seus restos descansarán xunto a outros personaxes ilustres, pero non esquezades a súa obra. A mellor homenaxe que podemos facerlle é lela. Atoparedes na biblioteca unha exposición con algún dos seus títulos máis destacados.

No hay comentarios:

Publicar un comentario